A Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Servizos da USC en colaboración coa Deputación da Coruña organiza a exposición "Soledad Penalta. Palabras orfas" na Igrexa da Universidade. A exposición foi comisariada por Juan M. Monterroso. Nela, a escultora noiesa proponnos, a través dunha mostra antolóxica de 17 obras, nas que combina o aceiro inoxidable co aceiro cortén, unha intensa reflexión sobre a condición humana, sobre as tensións creadas entre o individuo e a sociedade. A partir dunha linguaxe abstracta, conxugada con referencias figurativas e conceptuais, os seus característicos perfís antropomórficos xorden e desbordan cada unha dos seus traballos. Neles as palabras, tomadas de autores como Omar Khayyam ou Jorge Oteiza, crean delicados xogos caligráficos nos que se expresan desexos, inquietudes, esperanzas e temores. A obra de Soledad Penalta está presente en numerosas coleccións de arte, galerías e museos, cunha significativa produción de obra pública na Coruña (1995), Muxía (1995), Pontevedra (1999), Porto do Son (2007) ou Santiago de Compostela (2011, 2022). Este proxecto contou coa participación do alumnado do Máster Interuniversitario en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da arte, organizado polas universidades de Santiago de Compostela e Las Palmas de Gran Canaria.