Como se están transformando as nosas relacións afectivas coa aparición dos medios dixitais? Esta e outras interrogantes máis formúlanse na exposición Afectos Dixitais que se pode visitar ata o 28 de febreiro no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca. A mostra é unha produción propia da USC arredor da que se vertebra a Faísca Cultural que se desenvolve en numerosos centros docentes de Compostela Comisariada por Aránzazu Pérez, Guillermo Rodríguez e Federico L. Silvestre e co apoio da Deputación da Coruña, a mostra expón como as interaccións persoas-máquina están a reconfigurar o tecido social e emocional do noso mundo e reflexiona sobre o poder dos algoritmos e o seu impacto nas nosas vidas desde diferentes enfoques, como o hacktivismo ou a poética cyborg. Nesta montaxe reúnese unha destacada selección de obras de artistas internacionais como Andreas Angelidakis, Laura A Dima, Quimera Rosa e Daniel Mullins xunto a nomes consagrados do panorama español como Joan Fontcuberta e Pilar Rosado. Así mesmo, pon en valor o talento galego e español, coa participación de creadores como Judith Adataberna, Cora Novoa, Pilar del Puerto, Javier Martín e Marta Galindo.