O profesor Keating, pola súa parte, iniciou a súa intervención lembrando a súa primeira visita a Compostela no ano 1993, tamén da man do seu padriño no doutoramento honoris causa, o profesor emérito da USC Ramón Máiz. Ao longo do seu medio século de carreira académica e moi especialmente na actualidade, unha das grandes preocupacións do profesor Keating baseouse na interdisciplinariedade e pluralismo metodolóxico nas Ciencias Sociais. “O mundo real, as relacións entre os seres humanos, son moi complexas, hai diferentes cores”, subliñou no seu discurso. “As Ciencias Sociais ofrecen ferramentas, dan perspectivas sobre a realidade social, pero non son identidades, trátase de conclusións provisionais”, explicou. Nun contexto como o actual no que a compresión do tecido social pasa por esa suma de perspectivas, o profesor Keating alertou ante a “fragmentación do coñecemento, a especialización excesiva”. “Hai guerras culturais entre disciplinas”, dixo á hora de reivindicar a conexión entre as múltiples perspectivas para acadar unha mellor comprensión da trama. O profesor Keating, pertencente á Universidade de Aberdeen, ten acreditada unha traxectoria de gran relevancia e proxección internacional no ámbito da Ciencia Política, complementada por un intenso labor investigador e asesor en institucións vinculadas ao proceso de devolución dos poderes lexislativo e executivo no Reino Unido a ao impacto europeo do proceso de Brexit. Por outra banda, o profesor Keating mantivo e mantén unha dilatada, estreita e frutífera colaboración coa Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC e contribuíu a impulsar a súa actividade docente, á apertura de novas liñas de investigación e á formación de novo persoal académico, ademais de á consolidación e proxección internacional do centro.