Nesta actividade ofrécese ós estudantes de Ensino Medio unha oportunidade de contacto coa Universidade, visitando os centros dos Campus de Lugo e Santiago para recibir información directa dos estudos que organizan. Participan preto de 5.300 alumnos de 102 centros de ensino secundario de toda Galicia. A iniciativa permite que o alumnado preuniversitario coñeza de primeira man a oferta docente e de servizos da Universidade de Santiago de Compostela. Ao longo de 17 itinerarios, os participantes visitarán aulas, laboratorios e outros espazos dos centros onde se imparten as titulacións do seu interese, percorrendo o Campus de Santiago durante os días previstos. A iniciativa busca orientar aos estudantes na elección dos estudos universitarios, achegando o día a día da institución e facilitando o contacto directo cos espazos onde se desenvolve a actividade académica.