Disque co xogo, os nenos e todos os mamíferos en idade infantil, practican os roles dos adultos, as habelencias necesarias para se enfrontaren á vida que o futuro lles haberá de botar enriba. Xogos á hora da sesta, un texto apresentado aquí nunha versión-adaptación reducida, foi escrito pola dramaturga arxentina de orixe polaca, Roma Mahieu durante a dictadura do seu país, mais a metáfora que deseña é aplicable a todo o tempo e circunstancia porque, dun xeito máis patente ou latente, máis brutal ou suavizado, o xogo da vida é sempre un xogo de dominio e sumisión, rebeldía e complicidade, implicación e inocencia, inhibición ou inconsciencia... Concibido pola súa autora para ser interpretado por adultos que xogan o neno que levan dentro, este texto, que chegou a estar prohibido no seu momento, recibiu numerosos premios, sendo un dos máis representados e versionados no espazo teatral iberoamericano.