A primeira muller á fronte do Tribunal Constitucional entre os anos 2004 e 2011, María Emilia Casas Baamonde, foi investida este venres doutora honoris causa pola USC. A institución compostelá recoñeceu nunha cerimonia celebrada no Paraninfo, o compromiso de María Emilia Casas coa universidade e coa sociedade “especialmente a través da defensa da democracia e das súas institucións, dos valores da xustiza e da igualdade entre o home e a muller en todos os ámbitos do desenvolvemento da persoa”, tal e como explicou na súa Laudatio o padriño e catedrático da USC Javier Gárate Castro. O reitor Antonio López definiu a María Emilia Casas como “unha xurista con maiúsculas, admirada e recoñecida polos seus colegas”. A nova doutora honoris causa da USC tratou de superar “un ordenamento baseado en relacións patriarcais que provocan illamento e invisibilidade das mulleres relegadas a traballos familiares non remunerados como algo natural nun mundo desigual”, continuou o reitor ao deterse no seu labor xurisdicional. Antonio López dirixiu o seu discurso cara a denuncia das fendas de xénero xa que “hoxe, e particularmente no ámbito das institucións e administración públicas, precísase esforzo colaborativo entre as institucións para traballar cara á igualdade efectiva das mulleres no sector público, pois se ben a súa presenza no conxunto das administracións públicas é maioritaria na última década, e continúa a avanzar, segue habendo unha fenda na ocupación de postos directivos, que non chega ao 30%, e a fenda salarial segue a ser evidente”.